EN BICI POLA "TERRA DE MONTES"

(Español)

Pedazos de vellas estradas cubertas de alfombras de follas secas. Antigos camiños de carros franqueados por carballeiras invadidas polo musgo que non sabes onde te han levar. Pontes centenarias que atravesan fragas de castiñeiros e aldeas abandonadas. Amigas e amigos, benvidas, benvidos, á Terra de Montes. En Casa Florinda, entre as Rías Baixas e as terras de Santiago de Compostela, poderedes gozar de un dos moitos paraísos galegos para as bicis de montaña.





Os Montes


A Terra de Montes non ten este nome por casualidade. Os arredores de Pedre están cheos de montes dunha altura media, por volta dos 800-900 metros. Existen varios camiños que soben ao mítico Monte do Seixo (arredor dos mil metros) e ao Monte do Cádavo (sobre 700), aquí se encontra o Observatorio da Agrupación Astronómica Sirio. Atravesando o Monte do Cádavo chégase a Carballedo, e se aínda hai ganas de subir, sempre se pode ir cara aos montes que fican entre Caroi e a Lama. A mellor forma de encontrar os camiños é botar un ollo ao Google Maps ou á Wikiloc, aínda que se dispoñedes de un GPS ou de un Smartphone, moito mellor.

Os arredores de Casa Florinda

Afortunadamente en Casa Florinda hai roteiros para todos os públicos e niveis. Sempre podemos dar unha voltiña polos camiños e estradas que rodean Pedre, onde non existen apenas dificultades. A destacar especialmente os dous tramos da vella estrada N-541 -aos que se pode acceder directamente desde Casa Florinda-, entre Vichocuntín e Pedre; en conxunto, uns 10 km de rota libre de vehículos. 



O Val do Lérez

Os camiños que van en paralelo ao río Lérez son outra excelente rota para gozar coa bici. Indo en dirección ao Serrapio deíxase atrás a Ponte románica de Pedre e baíxase ao pé do río, en dirección a Campo Lameiro. Antes de chegar á vila, pódese dar unha volta polos arredores do edificio do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre. Todo o Val que baixa até Pontevedra está cheo de petroglifos, especialmente no cumio dos montes. Desde Campo Lameiro é unha boa idea subir á Armenteira, os días claros vese a ría de Pontevedra e todo o Val do Lérez, é realmente espectacular. Unha vez no alto pódese ser valente e baixar á Estrada -sabendo que hai subir á volta-, e baixar de novo atravesando Sabucedo. De seguro que haberá algún cabalo solto así que hai que andar con ollo. Se a valentía ese día non está con folgos, pódese baixar directamente ao Serrapio, e de aí son apenas cinco minutos de subida até Casa Florinda. 




Pontevedra e o Morrazo

Outra alternativa para gozar da bici de montaña é baixar a Pontevedra. Desde a capital existen rotas preciosas arredor do Lago de Castiñeiras, un pequeno paraíso da fauna e flora entre Marín, Pontevedra e Vilaboa.

Sempre hai a posibilidade de ir cara a costa atravesando os montes do Morrazo: o lago de Castiñeiras, Cotorredondo, a Cruz da Maceira e Domaio. En todos os casos con excelentes vistas tanto da ría de Pontevedra como da ría de Vigo. Chegando ao fin da ría pódense visitar os cabos Udra e Home. Desde Cabo Home estades a un par de brazadas das Illas Cíes!

No centro das Rías Baixas, no Salnés, existe un novo Centro de BTTO punto de acollida localízase no Campo de Golf de Meis, a 15 km de Pontevedra, e desde ahí parten varias rotas que percorren a Comarca. Sempre se pode encontrar algún bar onde degustar un bo albariño para repor forzas. De momento o Centro ofrece 10 rotas para todos os niveis, aínda que destacan os itinerarios arredor do Monte Castrove, ideal para expertos da BTT. Nas rotas máis accesíbeis destaca a do Circuíto do Monte da Escusa con saída e chegada no Campo de Golf e con fermosas vistas panorámicas sobre as rías de Arousa e Pontevedra.

Por último recomendámosvos que se gostades da bici de montaña visitedes este blog de Ángel Pérez: Dos Pedales Mil Caminos. Aquí encontraredes un montón de rotas comentadas arredor de Pontevedra, complementadas cunhas marabillosas fotos.

En definitiva, en Casa Florinda podedes desfrutar plenamente das vosas bicis de montaña. Para iso temos un espazo especial para gardar, lavar e arranxar bicis. Así que xa sabedes, se vides de viaxe á Terra de Montes, non esquezades a bici de montaña!